O Entroido

23, febrero, 2007 at 5:34 pm (Uncategorized)

ÉTIMO.
A festa recibe en galego os nomes de entroido, antroido, intruido, entruido, entrudo e entroiro. Todos estes vocábulos teñen a súa orixe no termo latino introitus, co significado de entrada ou comezo. Daquela, o étimo fai referencia a un significado da festa como entrada ou comezo nunha nova estación -a primavera-, independentemente de que a súa apropiación por parte do cristianismo nos faga pensar na entrada na Coresma -sendo preciso, polo tanto, despedirse da carne-.
No noso idioma é admisible tamén a voz carnaval, con dous posibles étimos distintos. Para uns este termo procede do vocábulo italiano carnevale, e este, á súa vez, da expresión antiga carne levare -sacar a carne-. Para outros, a súa orixe está na expresión latina carrus navalis, ou sexa, unha carroza decorada que posiblemente saíse en desfile durante estas datas. Dunha ou doutra maneira, non cabe dúbida de que calquera das dúas acepcións fai referencia a elementos asociados ao carnaval actual.
ORIXE.
A orixe do entroido pérdese na noite dos tempos. Garda conexión con celebracións pagás da antigüidade, relacionadas cos ciclos agrarios e co equinoccio de primavera, pero a estes elementos engadíronselles outros de orixe romana, cristiá e medieval. Hoxe por hoxe resulta evidente que ten unha clara relación co ciclo litúrxico cristián, pois cómpre despedirse da carne -e ceibar os propios instintos- antes da entrada nun período sen carne e onde se debe manifestar un grande recollemento -a Coresma-. Non obstante, o entroido é, antes que nada, a celebración que o mundo rural leva a cabo da entrada do novo ano -que tradicionalmente comezaba na primavera-.
ÉPOCA E DURACIÓN.
O tempo de entroido abrangue os vinte días anteriores ao Mércores de Cinsa, aínda que, no noso tempo a esencia do Entroido ten tendencia a concentrarse nas tradicionais datas do Domingo, o Luns e o Martes.
En moitas das bisbarras de Galicia hai variacións non fundamentais nos días de celebración, que poden afectar ao nome dos domingos, pero o significado, as bromas e o enxeño perduran. Considerando as distintas manifestacións que se poden observar por todo o País, podemos resaltar os seguintes días sinalados:
Domingo de Rapaces. É o primeiro día. Os nenos introducen e preparan a todos para a festa, facendo cichotes ou xiringas coas que botan auga á xente, entre burlas verbais e arremedos.
Domingo Fareleiro ou Borrallento. Os toques de corno indican a chegada do entroido. Chámanse Fareleiro porque os mozos utilizan o farelo -a casca do gran- para tirárllelo ás mozas, pero tamén se pode utilizar borralla -Borrallento-. Noutras zonas do país comezan a circular os burros pintados, o confeti ou o pemento moído, e mesmo os estudiantes soen pintar as costas dos seus compañeir@s con xiz. No mundo rural sóense roubar apeiros de labranza, que aparecerán no lugar máis insospeitado. En Chantada, o Domingo Fareleiro chámase Lambedoiro.
Xoves de Compadres. Os mozos pelexan coas mozas para quitarlles un boneco -o Compadre- feito por elas co desexo de queimalo. En diferentes lugares celébrase o Xoves de Comadres primeiro, pero, en todo caso, tanto un como o outro xoves semellan representar a loita polo poder entre os dous sexos.
Domingo Corredoiro ou Cacheleiro. Empeza de verdade a correr o entroido. Continúan as mesmas bromas, até o punto de que é preciso saír con paraugas por causa dos farelos e da borralla. Nalgures practícase o xogo das olas, como ocorre en Xinzo de Limia, onde as persoas reunidas na praza van lanzándose a ola até que escacha -o xogo podería estar relacionado con ritos relativos á fecundidade ou á choiva-. Era común por todo o país a corrida do galo, hoxe administrativamente prohibida por razóns evidentes.
Xoves de Comadres. Os papeis intercámbianse en relación ao Xoves de Compadres. A loita chega ao corpo a corpo sen reparos.
Domingo, Luns e Martes de Entroido. Son os días do Santo Entroido, durante os cales está prohibido traballar -quen sexa descubert@ facéndoo deberá pagar unha multa, consistente nunha rolda de viños, a aquel@s que @ descubriron-. Nos días grandes da festa sae a vaca morena en Laza, a mula falsa de Castro Caldelas, o meco en diferentes partes do país…, e tamén representacións do entroido no medio urbano.
Mércores de Cinza. É o día do fin da festa, que se sinala cun populoso enterro no que participan “viúvas”, “curas”, nenos de coro…
Domingo de Piñata. É o último día, o remate definitivo da festa, unha “repesca” festeira e licenciosa xa entrada a Coresma.
ALGUNHAS CARACTERÍSTICAS DO ENTROIDO GALEGO.
O entroido galego é ritual -posúe unha chea de cerimonias, en estreita relación con outros costumes europeos e africanos semellantes-, é libertario e licencioso -permítese o que está prohibido o resto do ano-, representa unha inversión dos valores -é unha especie de mundo do revés-, ademais de ofrecer aspectos parodísticos e teatrais e, sobre todo, de conseguir que tod@s sexamos iguais.
ALGUNHAS MÁSCARAS GALEGAS.
Os vellos son as máscaras máis sinxelas, pois lógranse cunha pouca de roupa vella, porca e fachosa. Chámanse felos, borralleiros, borrallosos, cinseiros, vellos, charrúas, pallasos, irrios, peliqueiros, farandulleiros…, dependendo do lugar. Son os que fan as bromas pesadas e toda clase de porcalladas, pero son os que fan máis chiste e os máis celebrados. Existen por todo o país.
Os boteiros, son propios das terras d´O Bolo. Levan camisa feita con cintas de cores fruncidas, pantalón vermello, campás penduradas no van e, na testa, un tocado que consiste nun complicado armazón de aramio ou madeira que se artella na careta, pintada de negro e cos beizos vermellos. Levan un pau sobre o que se apoian para dar viravoltas.
Os xenerais saen nas terras da Ulla, montados sobre cabalos ben engalanados e ataviados con vellos traxes militares. Non levan máscaras e tócanse dun pucho tipo napoleónico. Pronuncian desafíos e sermóns. Posiblemente, a súa orixe estea na invasión francesa.
Os cigarróns, tamén chamados felos, peliqueiros, murrieiros, choqueiros e charrúas, son propios da terras de Laza e Monterrei. Levan cinco ou seis chocas das vacas penduradas do van e, na man, un mallo, unha xostra ou unha vexiga. A súa orixe remóntase, de seguro, ao s. XVIII. Non falan; camiñan a brincos facendo soar as chocas e baten en quen encontran. Unha parella de cigarróns pode coller a un home polos ombreiros e levalo á taberna para que os convide.
As pantallas, as máscaras típicas de Xinzo de Limia, levan tamén campás penduradas no van, pero desta volta máis pequeniñas. Son máis esveltas que os cigarróns pero cumpren unha función semellante.
Os madamitos e as madamitas de Cotobade e doutros lugares de Galicia, son máscaras serias, con vestido pretendidamente elegante, e bailan cun certo aire señoritingo.
Outras máscaras presentes no entroido galego son os escabicheiros ou merdeiros, as máscaras dos oficios, os maragatos -en lembranza de cando chegaban aquí como arrieiros-, os xitanos, os cubanos, os mouros e negros, os dominós -con coroza-, os demos…

Extraído de la web del Instituto de Melide

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: